Thursday 02 de May de 2024

O Pazo acollerá mañá a estrea da primeira ópera rock de Galicia, a obra “Vox Populi”


A estrea da obra de teatro musical “Vox Populi”, da compañía Malasombra Producións, terá lugar mañá ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. A representación da primeira ópera rock de Galicia, cun texto e dirixida polo naronés José Prieto, poderase ver tamén o sábado ás 20.00 horas no Pazo. O prezo das entradas, que se poden adquirir no despacho de billetes do Pazo e na web do Padroado da Cultura –www.padroadodecultura.es- é de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para aboados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).

Unha idea orixinal de Xoque Carbajal dá forma a este espectáculo, no que se subirán ao escenario do Pazo unha ducia de actores, actrices e músicos, sete deles de Narón, que interpretarán esta ópera rock cofinanciada polo Padroado da Cultura e o Agadic. A temática da obra xira en torno aos mandatarios que chegan á política axudados polo pobo, a través dun voto inocente, pero que en canto teñen certo poder chegan as represións e o propio pobo non sabe que facer despois para reverter esa situación.

O tamén actor Carlos Mosquera “Mos”, Chehu Mosquera, as actrices Susana Sampedro e Celia González, forman parte do elenco desta obra, na que tamén actúa o propio Xoque Carbajal, entre outros recoñecidos profesionais do sector.